15/09/2021 - Lindeiros
O Concello de Brión, en colaboración co Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, organiza a 38 edición da Carreira Pedestre da Amaia.
A proba terá lugar o sábado 2 de outubro, a partir das 17:00 horas. Despois de descansar un ano por mor das restricións impostas pola pandemia da Covid-19, a Carreira Pedestre da Amaía disputarase nas inmediacións do Parque de Pedrouzos (a carón do campo municipal de fútbol de Brión) e non na Carballeira de Santa Minia.
A carreira desenvolverase baixo o protocolo Anticovid-19 establecido para este tipo de probas. Limítase a 400 prazas onúmero de participantes nas categorías adultas, así como a 50 prazas en cada unha das outras categorías: sub 8, sub 10, sub 12, sub 14 e sub 16. A carreira de Amaía é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo, con distancia non homologada, e baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A organización da proba deseñou este ano
un novo circuíto moito mais rápido, con pouca dificultade técnica e moi
vistoso ca en edicións anteriores. Un circuíto de 5 km (98% asfalto e
2% terra en bo estado), completando un total de 9,5 km. As probas
infantís terán lugar por primeira vez na contorna do Paseo de Pedrouzos.
As inscricións na XXXVIII Carreira Pedestre da Amaia poderán formalizarse ata as 14:00 horas do vindeiro 29 de setembro e unicamente de forma telemática a través da web www.carreirasgalegas.com. As inscricións dos adultos custarán 5 euros, mentres que as dos menores de 16 anos son de balde.
Máis de 1.000 euros en premios
A carreira repartirá mais de 1.800 euros en premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 250, 200 e 150 euros, respectivamente. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.
A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 36 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todos os anos xusto despois da tradicional Romaría de Santa Minia.
0 comments:
Publicar un comentario