Nuno Costa e Mónica Gutiérrez triunfan na Pedestre da Amaía


07/10/2019 | El Correo Gallego

Récord de participación: 529 atletas en Brión // Percorrido máis seguro para os 334 escolares.

O portugués Nuno Costa (Tambre Bike & Runnig), por segundo ano consecutivo, e a extremeña Mónica Gutiérrez Pagador proclamáronse gañadores da XXXVII Carreira Pedestre da Amaia (Brión). Unha proba disputada na tarde-noite do sábado e que rexistrou o seu récord de participación: 529 atletas, 98 máis ca na edición anterior e case o dobre do rexistrado hai tan só cinco anos. Un récord que xa se albiscaba co peche das inscricións (569), pero é que ademais o tempo acompañou e fixo que o índice de baixas fose mínimo.

O luso afincado en Oroso, Nuno Costa, que partía como gran favorito a revalidar o seu título, fixo bos os pronósticos e levou con autoridade a vitoria cun tempo de 30 minutos e 14 segundos, rebaixando en 1.12 o tempo co que gañara na edición de 2018... tempo no que chegou o segundo clasificado, o leonés Sergio Sánchez Martínez (31.27). Completou o podio o pontevedrés Jorge Puig Malvar. O sub-23 do Club Atletismo Santiago cruzou a meta da Carballeira de Santa Minia a tan só cinco segundos de Sergio: 31.32.

Na categoría feminina gañou Mónica Gutiérrez Pagador, que cruzou a meta no posto 11 da proba asboluta cun tempo de 34 minutos e 14 segundos, un minuto menos que o tempo marcado pola gañadora da proba en 2018. Segunda foi a pontevedresa Leticia Fernández Barbosa (Valencia CF SAD) con 36.00, posto 34 da xeral. terceira foi a atleta de Mazaricos Rocío Alvite Ferreiro, do Club Atletismo Sar Vermú Petroni, cun tempo de 37.19.

Os atletas deron dúas voltas a un circuíto de 4,75 quilómetros, o 98% asfaltado: 9,5 quilómetros.

TROFEOS. O alcalde de Brión, José Luís García, deu a saída e presidiu o acto de entrega de trofeos, deseñados polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, aos seis vencedores absolutos e aos tres primeiros clasificados de cada categoría.

Houbo medallas para os 334 participantes nas categorías pitufo a sub-16, o dobre que na edición anterior. Unhas probas que este ano tiveron lugar por primeira vez nunha pista próxima á carballeira, para mellorar a seguridade dos atletas.

PREMIOS LOCAIS

Os mellores Os tres primeiros brioneses foron Miguel Penedo, posto 16 na proba xeral (34.35). Tras el, José Antonio Vidal, do Noitebra (35.08, posto 21) e Pablo Lorenzo (35.38, 38). As tres primeiras brionesas: María Serramito (Unión Atlética Coslada), posto 96 con 42.48; Ana García Rieiro (51.54, recibiu o premio de mans de seu pai, o alcalde José Luís García) e Cristina Hernández (53.57).

0 comentarios:

Publicar un comentario