A proba, oficial da Federación Galega de Atletismo e integrada no XII Circuíto de Carreiras Deputación da Coruña, incluirá categorías desde Iniciación ata Máster e repartirá premios en metálico na clasificación absoluta e por clubs
O Concello de Brión, coa colaboración do Club Deportivo Brión Hyupersa, celebrará o sábado 3 de outubro a XLIII Carreira Pedestre Popular da Amaía, unha das citas deportivas con maior tradición no panorama galego. A competición comezará ás 16:30 horas nas inmediacións do Parque de Pedrouzos, ao lado do Campo de Fútbol Municipal de Brión.
A carreira contará co control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, Delegación de Santiago. Trátase dunha proba oficial da FGA, cunha distancia non homologada, e forma parte do XII Circuíto de Carreiras Deputación da Coruña.
A principal novidade desta edición será o percorrido da proba absoluta, que se disputará sobre un circuíto duns 3.000 metros, ao que as persoas participantes deberán dar dúas voltas ata completar un total de 6 quilómetros. O trazado presenta un menor desnivel que o utilizado en edicións anteriores.
As probas das categorías de Iniciación a Sub 16 desenvolveranse nas inmediacións do Campo de Fútbol Municipal. A primeira saída, correspondente á categoría de Iniciación, terá lugar ás 16:30 horas, mentres que as diferentes categorías de menores irán tomando a saída de forma progresiva. A carreira absoluta, na que competirán desde Sub 18 ata Máster, comezará ás 18:00 horas.
A categoría de Iniciación, destinada ás persoas nacidas en 2021 e anos posteriores, terá un percorrido de 100 metros e non contará con clasificación. A partir de aí establécense as categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Sub 16, con distancias comprendidas entre os 400 metros e os 2 quilómetros. Desde Sub 18 ata as distintas categorías Máster, a distancia será de 6 quilómetros.
As inscricións deberán formalizarse a través da plataforma Carreiras Galegas ata o 30 de setembro ás 23:59 horas. A participación será gratuíta nas categorías de Iniciación a Sub 16, mentres que a cota para as categorías comprendidas entre Sub 18 e Máster será de 5 euros. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin por outros medios.
A recollida de dorsais poderá realizarse o venres 2 de outubro na Casa da Cultura de Brión, en horario de mañá e tarde, opción recomendada pola organización. Tamén será posible recollelos o propio día da carreira desde as 15:30 horas e ata 30 minutos antes do inicio de cada proba.
Premios individuais, locais e por clubs
A organización entregará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría, tanto na clasificación feminina como na masculina.
Na clasificación absoluta, as tres primeiras persoas da categoría masculina e as tres primeiras da feminina recibirán, ademais do trofeo, premios económicos de 300 euros para a primeira posición, 250 euros para a segunda e 150 euros para a terceira.
A carreira contará tamén cunha clasificación específica para persoas empadroadas en Brión, na que recibirán trofeo as tres primeiras persoas da clasificación masculina e as tres primeiras da feminina.
Os clubs federados contarán igualmente cunha clasificación por equipos. Para poder optar a ela será necesario que polo menos seis integrantes completen a proba. Os tres clubs mellor clasificados recibirán premios de 300, 250 e 150 euros, respectivamente.
Os premios non serán acumulativos, agás os recoñecementos correspondentes á clasificación de persoas empadroadas no Concello de Brión.
Todas as persoas participantes recibirán unha camiseta técnica conmemorativa e, ao finalizar a súa proba, disporán dun avituallamento líquido na liña de meta.
A organización contará durante a competición con servizo médico-sanitario, ambulancia e persoal médico, ademais das correspondentes coberturas de responsabilidade civil e accidentes deportivos da Federación Galega de Atletismo.


