Nuno Costa e Mónica Gutiérrez Pagador gañan a XXXVII Carreira Pedestre da Amaía


06/10/2019 | Compostela 24 horas

O portugués Nuno Costa (Tambre Bike & Runnig), por segundo ano consecutivo, e a extremeña Mónica Gutiérrez Pagador proclamáronse gañadores da XXXVII Carreira Pedestre da Amaia (Brión). Unha proba disputada na tarde/noite de onte sábado e que rexistrou o seu récord de participación: 529 atletas, 98 máis ca na edición anterior e case o dobre do rexistrado hai tan só cinco anos.

En canto ao desenvolvemento da proba, o portugués afincado en Oroso Nuno Costa, que partía como gran favorito a revalidar o seu título, fixo bos os prognósticos e levou con autoridade a vitoria absoluta da XXXVII Carreira Pedestre da Amaia cun tempo de 30 minutos e 14 segundos, rebaixando en 1 minuto e 12 segundos o tempo co que gañara na edición de 2018. Precisamente neses tempos chegou o segundo clasificado, o leonés Sergio Sánchez Martínez, do Club Atletismo Unión Guadalajara, que aguantou o ritmo do portugués na primeira volta pero rematou a máis dun minuto del, cun tempo de 31 minutos e 27 segundos. Completou o podio o pontevedrés Jorge Puig Malvar. O sub 23 do Club Atletismo Santiago cruzou a meta da Carballeira de Santa Minia a tan só 5 segundos do segundo posto: 31 minutos e 32 segundos.

Na categoría feminina a vencedora absoluta foi a extremeña Mónica Gutiérrez Pagador, que cruzou a meta no posto 11 da proba asboluta cun tempo de 34 minutos e 14 segundos, un minuto menos que o tempo marcado pola gañadora da proba en 2018. A segunda clasificada foi a pontevedresa Leticia Fernández Barbosa, do Valencia CF SAD, cun tempo de 36 minutos que lle valeron o posto 34 da xeral. Completou o podio a atleta de Mazaricos Rocío Alvite Ferreiro, do Club Atletismo Sar Vermú Petroni, cun tempo de 37 minutos e 19 segundos.

Uns tempos que demostran o apertado e esixente que foi o ritmo marcado este ano, pois practicamente todos os atletas tiveron que rebaixar en máis dun minuto as marcas do ano pasado para percorreren os 9,5 km do percorrido estreado en 2018.

Entrega de premios

O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta e presidir o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Un acto no que estivo acompañado pola concelleira de Deportes, Sandi Cebral Gómez, así como polos concelleiros Carlos Noya, Rosa Romero Fariña, José Luís Sampedro Bouzas e María Guarina Rey Vázquez. Todas as persoas premiadas recibiron uns trofeos especialmente deseñados para esta edición da carreira polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.

O Concello de Brión agasallou a todas as persoas participantes con bebidas e camisetas conmemorativas da proba, con debuxo realizado polo artista Xosé Vizoso, así como medallas para os 334 participantes nas categorías pitufo a sub 16, o dobre ca na edición anterior. Unhas probas que este ano tiveron lugar por primeira vez nunha pista próxima á carballeira, para mellorar a seguridade dos participantes.

As 195 persoas que tomaron parte este ano na proba absoluta repetiron o circuíto implantado o ano pasado: moito máis rápido, menos duro e máis vistoso. Un circuíto de 4,75 quilómetros, o 98% asfaltado, ao que deron dúas voltas, completando un total de 9,5 quilómetros. Isto permitiu tamén que a veciñanza e todas as persoas que asistiron á proba puideran desfrutar do paso dos atletas pola avenida de Santa Minia e non ter que agardar media hora coma en pasadas edicións. De feito, a chegada do primeiro clasificado case coincidiu co paso de primeira volta dos últimos atletas da proba.

Premios locais

Especialmente aplaudidos foron os seis mellores atletas de Brión, onde se deu a casualidade de que ningún fora premiado na anterior edición. Os tres primeiros brioneses foron Miguel Penedo Taboada, posto 16 na proba xeral, cun tempo de 34 minutos e 35 segundos. Completaron o podio de atletas locais José Antonio Vidal González, do Noitebra, cun tempo de 35 minutos e 8 segundos (posto 21) e Pablo Lorenzo Mirón, posto 31 cun tempo de 35 minutos e 38 segundos.

As tres primeiras brionesas foron María Serramito Blanco (Unión Atlética Coslada), que chegou no posto 96 cun tempo de 42 minutos e 48 segundos, rebaixando en 5 minutos o posto da gañadora da edición de 2018. O segundo posto foi para Ana García Rieiro que, cun tempo de 51 minutos e 54 segundos, recibiu o trofeo de mans do seu pai, o alcalde José Luís García. Completou o podio local Cristina Hernández García, cun tempo de 53 minutos e 57 segundos.

Todas as clasificacións pódense consultar neste enlace: https://bit.ly/2VfaEoZ

0 comentarios:

Publicar un comentario