Máis de 400 atletas na XXXVI Carreira Pedestre da Amaía


08/10/2018 - XORNAL LINDEIROS

O portugués Nuno Costa (Tambre Bike & Runnig) e a ourensá María Yolanda Gutiérrez Robles (Maeloc Way) proclamáronse gañadores da XXXVI Carreira Pedestre da Amaia (Brión)

A proba disputouse na tarde/noite do sábado e congregou a un total de 431 atletas, entre nenos e adultos. Nuno Costa, que partía como gran favorito, fixo bos os pronósticos e levou a vitoria absoluta da XXXVI Carreira Pedestre da Amaia cun tempo de 31 minutos e 26 segundos en percorrer os 9,5 quilómetros do novo trazado que se estreaba este ano. Unha traballada vitoria, pois o atleta portugués só avantaxou en 5 segundos ao segundo clasificado: Antonio Teijido López, de Guitiriz e atleta do Club de Atletismo Verxel Nutrición Deportiva. Completou o podio o corredor compostelán Amador Pena Torreira, do Club Atletismo O Pino, cun tempo de 32 minutos e 47 segundos.

Na categoría feminina, a vencedora absoluta foi María Yolanda Gutiérrez Robles, que entrou no posto 14 da proba xeral cun tempo de 35 minutos e 14 segundos. A segunda clasificada foi a compostelá Tina Fernández, do Noitebra, cun tempo de 35 minutos e 52 segundos. Completou o podio a atleta noiesa Teresa Castro Villaverde, do Club Atletismo Noia, cun tempo de 38 minutos e 49 segundos.

Entrega de premios

O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de dar a saída ás probas e presidir o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Un acto no que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Xesús Quintela Vázquez, e polos concelleiros Yolanda Bouzas Alfonsín, José Luís Sampedro Bouzas e José Pedro Cambón Fernández. Todas as persoas premiadas recibiron uns trofeos especialmente deseñados para este edición da carreira polo prestixioso ceramista Nano Unzueta, residente en Brión.

O Concello de Brión agasallou a todas as persoas participantes con bebidas e camisetas conmemorativas da proba, con debuxo realizado polo artista Xosé Vizoso, así como medallas para os 162 participantes nas categorías pitufo e prebenxamín.

As 164 persoas que tomaron parte este ano na proba absoluta afrontaron un novo e mellorado circuíto: moito máis rápido, menos duro e máis vistoso. Un circuíto de 4,75 quilómetros, o 98% asfaltado, ao que deron dúas voltas, completando un total de 9,5 quilómetros, un máis ca proba tradicional. Isto permitiu tamén que a veciñanza e todas as persoas que asistiron á proba puideran desfrutar do paso dos atletas pola avenida de Santa Minia e non ter que agardar media hora coma en pasadas edicións. De feito, a chegada do primeiro clasificado case coincidiu co paso de primeira volta dos últimos atletas da proba.

Premios locais

Especialmente aplaudidos foron os seis mellores atletas de Brión, sobre todo Juan Jesús Barral Varela, que gañou este premio por segundo ano consecutivo. Chegou no posto 9 da proba xeral cun tempo de 34 minutos e 14 segundos. Completaron o podio de atletas locais José Ramón Mayo Martínez, do Tribu Nail e terceiro na edición pasada (31:02)., e Jesús Cela Boisa (40:01).

As tres primeiras brionesas foron María José Bragana Míguez (Club Atletismo Outes), que chegou no posto 122 cun tempo de 47 minutos e 19 segundos. O segundo posto foi para Cristina Hernández García, terceira e primeira nas dúas últimas edicións; mentres que Marta García Reino subiu por primeira vez ao podio cun tempo de 50 minutos e 15 segundo. Ambas son corredoras afeccionadas e non están afiliadas a ningún club de atletismo.

0 comentarios:

Publicar un comentario