A Carreira da Amaía pecha a inscrición para a súa XXXV edición



04/10/2017 | EL CORREO GALLEGO

Dispútase na tarde do sábado // Haberá premios para os oito mellores por categoría

A Carreira Pedestre da Amaía pecha hoxe o seu prazo de inscricións, ás 14.00 horas, para unha competición que o sábado alcanzará a sua trixésimo quinta edición. A día de onte, a carreira contaba cuns 250 participantes inscritos.

A XXXV Carreira Pedestre da Amaía disputarase o sábado, con saída a partir das 17.00 horas na Carballeira de Santa Minia. Todos os interesados que non formalizasen a súa inscrición teñen de prazo ata as 14.00 horas de hoxe para facelo. Poderán inscribirse a través da páxina web http://carreirapedestredaamaia.blogspot.com.es/ ou ben en www.carreirasgalegas.com. A inscrición dos adultos teñen un prezo de cinco euros, mentres que os menores de 12 anos poderán anotarse totalmente gratis. Poderán participar tanto atletas federados como non federados, baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

A carreira, que volve formar parte do Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, repartirá máis de 1.000 euros en premios. Ademais, todos os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa, ademais de poder facer uso do servizo de avituallamento. O tres primeiros clasificados da proba absoluta, que discorre sobre un percorrido de oito quilómetros, recibirán os seus respectivos trofeos, xunto cun premio en metálico (200, 170 e 150 euros), tanto en categoría masculina como feminina. Recibirán tamén o seu trofeo o tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como os oito mellores en cada categoría.

As probas infantís terán lugar na Carballeira de Santa Minia. Todos os pitufos e prebenxamins recibirán unha medalla pola súa participación.

0 comments:

Publicar un comentario