A proba terá lugar o sábado 7 de outubro, a partir das 17:00 horas, na Carballeira de Santa Minia e poderán participar atletas federados e non federados, que estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A XXXV Carreira Pedestre da Amaia estará incluída por segundo ano consecutivo no Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, o que suporá varios cambios con respecto a edicións anteriores. A principal é o cambio na data tradicional de celebración, que pasa da mañá do primeiro domingo de outubro á tarde do primeiro sábado do mes.
O que si se mantén é a Carballeira de Santa Minia como epicentro da proba, o percorrido da carreira absoluta e a decisión de non admitir inscricións o mesmo día da proba, polo que aquelas persoas que estean interesadas en participar deberán inscribirse a través da web http://carreirapedestredaamaia.blogspot.com.es/ ou de www.carreirasgalegas.com antes das 14:00 horas do 4 de outubro. As inscricións dos adultos custarán 5 euros, mentres que as dos menores de 12 anos son de balde.
Máis de 1.000 euros en premios
A carreira repartirá mais de 1.000 euros en premios, así como camisetas e avituallamentos para todos os participantes. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta, de 8 quilómetros de lonxitude: 200, 170 e 150 euros, respectivamente. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.
As probas infantís terán lugar tamén na Carballeira de Santa Minia. As categorías dos pitufos e prebenxamíns non serán competitivas, polo que todos os participantes recibirán cadansúa medalla. O Concello de Brión porá a disposición de todos os corredores o pavillón polideportivo para que se poidan duchar, así como un servizo de garda roupa situado na Casa da Cultura.
A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 35 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todos os anos xusto despois da Romaría de Santa Minia. O “maratón da Amaía” (como se denominaba nos seus inicios) sumouse aos actos de celebración da Santa Minia aló polos anos 80 pola enorme expectación e éxito da súa organización.
0 comments:
Publicar un comentario