Unha nova edición da Carreira Pedestre Popular da Amaía con grande éxito de participación


 Adiantado a súa tradicional data de celebración do domingo ao sábado, a XXXIV Carreira Pedestre da Amaía congregou en Brión o primeiro de outubro a uns 453 atletas, entre nenos e adultos, sumando 130 participantes máis con respecto á anterior edición. Ademais, a cita deportiva estivo incluída no Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Delegación de Santiago da Federación Galega de Atletismo.

A proba de atletismo, unha das máis senlleiras da bisbarra, iniciouse ás 17:00 h. coas competicións das categorías infantís e xuvenís. Arredor das 18:00 h. arrancou a carreira absoluta; 24 min. e 15 seg. despois chegou á meta situada na Carballeira de Santa Minia o primeiro clasificado absoluto, o arzuán Lolo Penas do equipo New Balance Team. O coñecido atleta marchou por diante durante todo o traxecto e acadou a meta cunha cómoda vantaxe de máis de medio minuto sobre o segundo clasificado, o recoñecido deportista Hassan Lekhili, do equipo Ourenrunning, que necesitou 24 min. e 51 seg. para completar o percorrido. O terceiro en subir ao podio foi Víctor Riobó Villanueva, gañador da edición de 2014 e corredor do Miler Running Club de Marín, cun tempo de 25 min. e 19 seg.

A gañadora absoluta na categoría de mulleres foi Paula Mayobre González, natural de Ares, que acadou un tempo de 28 min. e 11 seg. A atleta cruzou a meta no posto 16 da carreira absoluta. Rocío Alvite Ferreiro, do Club Altetismo Sar Vermú Petroni de Santiago, cun tempo de 29:35 min. foi a segunda clasificada. Raquel Suárez Pedrosa, do Ría de Ferrol-Concepción Arenal, logrou a terceira posición cun tempo de 30 min. e 16 seg.

Unha mención especial merecen os tres primeiros clasificados residentes en Brión. Cabe destacar a participación de Miguel Penedo Taboada, do 3&Run by Pedro Nimo, que entrou na meta no cuarto posto da xeral cun tempo de 26:03 min. acadando tamén o triunfo na categoría sénior. Dous corredores afeccionados seguírono neste podio: Juan Jesús Barral con 28:27 min. (posto 17) e Óscar Ces Suárez, 29:31 min. (posto 26). As tres primeiras brionesas foron Iria Pérez (posto 139, cun tempo de 39:49 min.), Cristina Hernández (posto 152, cun tempo de 42:05 min.) e Mónica San Guerra (posto 154, cun tempo de 42:19 min.)

A entrega de trofeos estivo presidida polo alcalde de Brión, Xosé Luís García. No acto entregáronse galardóns aos seis vencedores absolutos, tamén aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Ademais, houbo camisetas e bebidas para todos os participantes, e medallas para os 141 participantes nas categorías pitufo e prebenxamín.
Parabéns aos gañadores e moitas grazas a todos os participantes.

Consulta as CLASIFICACIÓNS FINAIS

Tamén podes comprobar todas as galerías fotográficas desta edición nos seguintes enlaces:

XXXIV CARREIRA PEDESTRE POPULAR DA AMAIA 2016 - FOTOS DO CONCELLO DE BRIÓN | ALBUM II

XXXIV CARREIRA PEDESTRE POPULAR DA AMAIA 2016 - FOTOS DO CONCELLO DE BRIÓN | ALBUM III

XXXIV CARREIRA PEDESTRE POPULAR DA AMAIA 2016 - FOTOS DE CORRER EN GALICIA | USUARIO DRUIDA1313

XXXIV CARREIRA PEDESTRE POPULAR DA AMAIA 2016 - FOTOS DE CORRER EN GALICIA | USUARIO koala36

0 comments:

Publicar un comentario