Lolo Penas e Paula Mayobre, os mellores na Carreira da Amaía


03 DE OUTUBRO DE 2016 | LA VOZ DE GALICIA

O arzuano superou a Lekhili e Riobó nunha cita que contou con 453 inscritos // A atleta de Ares compartiu podio en Brión con Rocío Alvite e Raquel Suárez

Os atletas Manuel Ángel Penas Blanco e Paula Mayobre González gañaron a XXXIV Carreira Pedestre da Amaia (Brión), unha proba disputada na tarde do sábado e na que tomaron parte 453 atletas, entre nenos e adultos, unha cifra que supón case 130 atletas máis ca na anterior edición.

A vitoria absoluta foi para o arzuano Lolo Penas (Arzúa), do New Balance Team, que empregou un tempo de 24 minutos e 15 segundos en cubrir os case oito quilómetros da proba. O galego –gañador en catro ocasión da Carreira Pedestre de Santiago– marchou en cabeza durante todo o traxecto e chegou á meta cunha cómoda vantaxe de máis de medio minuto sobre o outro gran favorito: Hassan Lekhili, do Ourenrunning, que empregou un tempo de 24 minutos e 51 segundos. Completou o pódium Víctor Riobó Villanueva, corredor do Miler Running Club de Marín e gañador da edición de 2014, cun tempo de 25 minutos e 19 segundos.

Na categoría feminina, a vencedora absoluta foi Paula Mayobre González, de Ares, cun tempo de 28 minutos e 11 segundos. Esta atleta independente cruzou a meta no posto 16 da carreira absoluta. O segundo posto foi para Rocío Alvite Ferreiro, do Club Altetismo Sar Vermú Petroni de Santiago, cun tempo de 29:35, que lle permitiron mellorar un posto no podio con respecto ao ano anterior. Un caixón que completou outra habitual desta proba: Raquel Suárez Pedrosa, do Ría de Ferrol-Concepción Arenal, que non puido repetir o primeiro posto de 2014 e quedou en terceira posición cun tempo de 30 minutos e 16 segundos.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, presidiu o acto de entrega de trofeos aos seis vencedores absolutos, así como aos tres primeiros clasificados de cada unha das categorías establecidas. Ademáis, houbo camisetas e bebidas para todos os participantes, así como medallas para os 141 participantes nas categorías pitufo e prebenxamín.

Especialmente destacados foron os tres primeiros clasificados de Brión, sobre todo Miguel Penedo Taboada, do 3&Run by Pedro Nimo, que chegou no cuarto posto da xeral cun tempo de 26 minutos e 3 segundos (o que lle valeu tamén o triunfo na categoría sénior). Completaron o podio local Juan Jesús Barral (28:27, no posto 17) e Óscar Ces Suárez (29:31, posto 26), ambos corredores afeccionados. As tres primeiras brionesas foron Iria Pérez (139 cun tempo de 39:49), Cristina Hernández (152 cun tempo de 42:05) e Mónica San Guerra (154, cun tempo de 42:19).

0 comments:

Publicar un comentario