A CARREIRA PEDESTRE DE BRIÓN CUMPRE TRINTA CONVOCATORIAS CON MEDIO MILLEIRO DE ANOTADOS

LA VOZ DE GALICIA | 07/10/2012

Correr polo Val da Maía é unha vella tradición, xa que a súa popular carreira pedestre cumpre hoxe a súa edición número trinta con preto de medio milleiro de participantes, o que a converte nunha das probas máis importantes da comarca.

Os corredores sairán do corazón do municipio, a carballeira de Santa Minia, con horarios repartidos en función da idade e da capacidade motora das persoas anotadas.

Como manda a lóxica e a tradición, os primeiros en lucir dorsais serán os máis pequenos, que sairán á pista ás 10.30 horas, deixando aos adultos media hora de quecemento. Dos 497 anotados, segundo os datos facilitados polo Concello de Brión, hai 122 nenos menores de 12 anos inscritos e a eles corresponderalles dar dúas voltas á carballeira, o que supón unha distancia aproximada de medio quilómetro.

Na modalidade absoluta o itinerario será o mesmo do ano pasado cunha distancia aproximada de oito quilómetros, pero, a diferenza da edición anterior, os corredores da categoría absoluta portarán un chip que permitirá que a competición estea controlada con cronometraxe electrónica. O Concello repartirá mil euros en premios entre o trece categorías en liza.

0 comments:

Publicar un comentario