8 de setembro de 2011.- O Concello de Brión abre o prazo de inscrición para a XXIX Carreira Pedestre da Amaia, que terá lugar o domingo 2 de outubro. Unha proba que este ano inclúe distintas novidades, entre as que destaca a posibilidade de formalizar a inscrición a través da Internet (www.concellodebrion.org). Deste xeito, ademais de apostar polas novas tecnoloxías, o Concello tamén mantén as modalidades tradicionais de anotación: presencial na Casa da Cultura ou por teléfono no 981 50 99 08. O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de setembro.
O outro gran cambio desta edición ten que ver cos percorridos habituais da carreira para facela máis vistosa. Así, o percorrido dos rapaces menores de 12 anos será circular de duas voltas arredor da Carballeira de Santa Minia, ata completar uns 500 metros. A proba terá lugar ás 10:30 horas.
Na categoría absoluta, a proba incrementa a súa lonxitude nuns dous quilómetros e elimina a primeira pendente forte xusto despois da saída, o que axudará a que a carreira non se rompa xa dende o seu inicio. A proba terá unha lonxitude de 8 quilómetros e comezará a disputarse ás 11:00 horas.
PREMIOS
O Concello de Brión repartirá máis de 1.000 euros en premios entre as 13 categorías en disputa. Haberá trofeos e premios en metálico para os 6 vencedores absolutos, 3 homes e 3 mulleres, trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e trofeos o primeiro home e primeira muller en cruzar a meta empadroados no Concello de Brión. Tamén haberá camisetas e bebidas para tódolos participantes que cheguen a meta dentro do control, que se pechará 50 minutos despois de que o primeiro clasificado entre na liña de meta.
A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 29 anos de antigüedade, converteuse ao longo dos anos nunha proba de referencia en toda a comarca de Santiago. A carreira Pedestre celébrase todolos anos o domingo seguinte á celebración da Romaría de Santa Minia, parte da Carballeira de Santa Minia e percorre, ao longo dos seus 8 km, tanto o núcleo municipal coma distintas aldeas do noso municipio.
O “maratón da Amaía” (como se denominaba nos seus inicios) sumouse os actos de celebración da Santa Minia, alá polos anos 80, pola enorme expectación e éxito da súa organización.Unha organización que corre integramente a cargo do Concello de Brión e que, grazas á presenza de importantes atletas, mellora ano tras ano.
O corredor lituano, afincado en Santiago, Robertas Geralavicius proclamouse campión da edición de 2010. Completaron o podio masculino Rafael Fuentes e Akka Essaadaoui. En canto á clasificación feminina absoluta, a victoria foi para a atleta Paula Mayobre, de Ares, seguida por María Jesús Gestido e por Esther Navarrete.
FONTE: Santiago y comarca
0 comments:
Publicar un comentario