03/09/2025 | Diario de Santiago
O Concello de Brión, en colaboración co Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago, abriu hoxe as inscricións para a XLII Carreira Pedestre Popular da Amaía, que se disputará o sábado 4 de outubro a partir das 16:30 horas na contorna do parque de Pedrouzos. As anotacións poderán formalizarse ata as 23:59 horas do 1 de outubro na páxina web www.carreirasgalegas.com, sendo de balde para persoas menores de 16 anos e de 5 euros para o resto.
A proba é oficial da Federación Galega de Atletismo, cunha distancia non homologada de 10 quilómetros, baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces, e puntuable para o XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. A carreira absoluta percorrerá un circuíto de 5.000 metros aproximadamente —98% asfalto e 2% terra— ao que se darán dúas voltas. Os circuítos das carreiras de menores desenvolveranse nas inmediacións do campo de fútbol municipal. Ao finalizar, todas as persoas participantes recibirán un avituallamento líquido na liña de meta.
Este ano, a carreira destina un total de 2.100 euros a premios e agasallará a todos os participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Entregarase trofeos deseñados polo ceramista Nano Unzueta e premios en metálico para os tres primeiros homes e mulleres na proba absoluta: 300, 250 e 150 euros, respectivamente. Tamén se premiarán os tres primeiros clubs federados clasificados, podendo ser equipos mixtos, así como os primeiros homes e mulleres empadroados en Brión e os primeiros de cada unha das oito categorías establecidas.
Na edición anterior, moi condicionada pola choiva, os gañadores foron Manuel Lorenzo López (Club Deportivo Pinarium) e Isabel Caeiro Mariño (Sociedade Gimnástica de Pontevedra). A meteoroloxía reduciu á metade a participación prevista: dos 404 inscritos tan só tomaron a saída 202 atletas, 130 na proba absoluta.

0 comments:
Publicar un comentario