01/10/2019 | Compostela 24 horas
O prazo pecharase ás 14:00 horas deste mércores 2 de outubro.
Un total de 293 persoas, 77 adultos e 216 escolares, xa formalizaron a súa inscrición na XXXVII Carreira Pedestre da Amaia, que terá lugar o sábado 5 de outubro na Carballeira de Santa Minia. Incluída no Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, as inscricións na XXXVII Carreira Pedestre da Amaia poderán formalizarse ata as 14:00 horas deste mércores 2 de outubro a través da web www.carreirasgalegas.com. As inscricións dos adultos custan 5 euros, mentres que as dos menores de 12 anos son de balde.
En vista do éxito conseguido na edición anterior, na que participaron un total de 431 atletas, a organización da proba decidiu manter o mesmo circuíto, de 4,75 km e con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia, ao que se darán dúas voltas. A proba estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A carreira repartirá mais de 1.000 euros en premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 200, 170 e 150 euros, respectivamente. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.
0 comments:
Publicar un comentario