Brión abre inscricións na XXXVII Carreira Pedestre da Amaía, que terá lugar o sábado 5 de outubro


Compostela 24 horas | 29/08/2019

O prazo de inscrición estará aberto ata as 14:00 horas do 2 de outubro.

O Concello de Brión abre hoxe o prazo de inscrición na tradicional Carreira Pedestre da Amaia, que este ano chega á súa edición número 37. Unha proba que terá lugar o sábado 5 de outubro, a partir das 17:00 horas, na Carballeira de Santa Minia e na que poderán participar atletas federados e non federados, que estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Incluída no Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña, as inscricións na XXXVII Carreira Pedestre da Amaia poderán formalizarse dende hoxe e ata as 14:00 horas do vindeiro mércores 2 de outubro a través da web www.carreirasgalegas.com. As inscricións dos adultos custarán 5 euros, mentres que as dos menores de 12 anos son de balde.

En vista do éxito conseguido na edición anterior, na que participaron un total de 431 atletas, a organización da proba decidiu manter o mesmo circuíto: mais rápido, menos duro e mais vistoso ca en edicións anteriores, con saída e chegada na Carballeira de Santa Minia. Así, os participantes darán dúas voltas a un circuíto de 4,75km (98% asfalto e 2% terra en bo estado), completando un total de 9,5 km. As probas infantís terán lugar na propia Carballeira.

MÁIS DE 1.000 EUROS EN PREMIOS

A carreira repartirá mais de 1.000 euros en premios e agasallará a todas as persoas participantes con camisetas técnicas conmemorativas. Haberá trofeos e premios en metálico para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres en cruzar a liña de meta na proba absoluta: 200, 170 e 150 euros, respectivamente. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres empadroados en Brión, así como para os primeiros clasificados das 8 categorías establecidas. Os premios non serán acumulativos, exceptuando os correspondentes aos empadroados en Brión.

As categorías dos pitufos e prebenxamíns non serán competitivas, polo que todos os participantes recibirán cadansúa medalla. O Concello de Brión porá a disposición de todos os corredores o pavillón polideportivo para que se poidan duchar, así como un servizo de garda roupa situado na Casa da Cultura.

A Carreira Pedestre da Amaia é unha das probas atléticas máis importantes do panorama galego. Con 37 anos de antigüidade, é unha proba de referencia na comarca de Santiago que ten lugar todos os anos xusto despois da tradicional Romaría de Santa Minia.

0 comentarios:

Publicar un comentario